Monday 29 de April de 2024

O Concello de Oroso clausura os Obradoiros Culturais de 2016, nos que participaron 106 veciños e veciñas


O alcalde Manuel Mirás inaugurou unha exposición cos traballos realizados durante o curso, que poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata o 11 de xuño

O Concello de Oroso clausurou na noite de onte venres os Obradoiros Culturais de 2016 coa entrega de diplomas aos 106 veciños e veciñas participantes, así como coa inauguración dunha exposición cos traballos realizados durante o curso. Unha exposición de pintura, manualidades, patchwork, labores e, como gran novidade, cesteiría que poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata o vindeiro 11 de xuño.

O concelleiro de Cultura, Luís Rey Villaverde, amosou a súa satisfacción polo incremento de participantes nestes obradoiros pois “isto non só é facer cultura, aprender a facer cousas novas ou relaxarse da vida diaria, isto tamén é unha forma de facer pobo”. Un punto que tamén defendeu o alcalde Manuel Mirás, quen agradeceu especialmente ás familias “que fomentedes a participación dos nenos e nenas non só nas actividades deportivas, senón tamén nas culturais, pois ambas nos fan mellores persoas”.

Antes de inaugurar a exposición Luís Rey e Manuel Mirás, acompañados dos demais concelleiros do Grupo de Goberno, fixeron entrega dos diplomas acreditativos de ter participado nos Obradoiros Culturais 2016, tanto na modalidade de adultos como na modalidade infantil.